Tan importante é o tratamento farmacolóxico como o non farmacolóxico na enfermidade de alzhéimer. De feito, e a falta de cura, un e outro se complementan á perfección para contribuír a retardar o avance da doenza e tamén mellorar a calidade de vida das persoas. Cada día, os centros terapéuticos de AFAL Ferrolterra levan a cabo unha serie de terapias coas que cumprir este obxectivo. Terapias coas que estimular as capacidades dos usuarios, adaptadas á fase da enfermidade na que se atopen e, sobre todo, que resulten atractivas e gratificantes para eles.
Un equipo de profesionais guía as sesións, que se suceden ao longo de mañá e tarde. Técnicas e estratexias coas que activar, estimular e adestrar as capacidades e funcións cognitivas dos nosos usuarios a través de diferentes ferramentas. Pintura, manualidades, calceta, novas tecnoloxías, música… son moitos e variados os talleres.
- Terapia de Orientación á Realidade. A terapia de orientación á realidade (TOR) contempla un conxunto de técnicas mediante as cales a persoa toma conciencia da súa situación no tempo (orientación temporal), no espazo (orientación espacial) e respecto a a súa propia persoa (orientación persoal). Proporciona á persoa unha maior comprensión daquilo que lle rodea, e produce un aumento na sensación de control e na autoestima. Con esta Terapia preténdese evitar a desconexión coa contorna e manter as súas habilidades interpersoais.
- Psicoestimulación cognitiva. Ofrecemos un conxunto de técnicas e estratexias coas que activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas (percepción, atención, razoamento, abstracción, memoria, linguaxe, procesos de orientación e praxias). É importante traballar sobre as capacidades residuais da persoa para lograr evitar a frustración do enfermo. Esta terapia leva a cabo mediante exercicios prácticos a nivel individual, cun enfoque lúdico a nivel global ou por medio das TIC’s (estimulación cognitiva a través do computador/ tablets).
- Pintura e manualidades. Nestes talleres realízanse traballos manuais e creativos co fin de estimular as capacidades de psicomotricidade fina, capacidades cognitivas e psicoafectivas. O noso obxectivo é manter as capacidades e mellorar a autoestima das persoas con alzhéimer e outras demencias.
- Actividades da vida cotiá. Terapia coa que se adestran actividades da vida cotiá e estimúlanse as habilidades de desempeño necesarias para levar a cabo ditas actividades co fin de manter a maior autonomía posible das persoas afectadas. No marco destes talleres é habitual ver aos usuarios elaborando saborosas receitas de cociña que a posteriori degustan, poñer a mesa amentando os cubertos que necesitan segundo o menú ou dar un paseo virtual polas rúas de Ferrol.
- Talleres ocupacionais. levan a cabo actividades vinculadas aos seus gustos e intereses pasados ou presentes (calceta, costura, xogos de mesa) co fin primordial de estimular as diferentes capacidades cognitivas, afectivas e psicomotoras das persoas afectadas de alzhéimer e outras demencias. De igual modo, neste tipo de talleres, o equipo de AFAL busca fomentar a participación satisfactoria na área de lecer da persoa afectada por alzhéimer e outras demencias, de aí o éxito da iniciativa.
- Reminiscencia. Téntase provocar unha evocación de situacións do pasado (mocidade ou infancia), activando o funcionamento e a reminiscencia da memoria remota e resaltando aspectos emocionais do recordo como acontecementos históricos e persoais significativos para o individuo, sensacións, cheiros ou simplemente o recoñecemento de obxectos. Utilízanse recursos como fotografías, música, arquivos gravados, artigos de xornal do pasado, obxectos domésticos, etc, co obxectivo de conservar a identidade do suxeito mediante a reactivación do seu pasado persoal.
- Musicoterapia. Nestes talleres, AFAL recorre á música como ferramenta terapéutica para estimular as emocións e os recordos significativos da historia de vida de todos e cada un dos participantes na actividade. O obxectivo é conseguir aumentar a expresión física, gestual, verbal e emocional. Obxectivo garantido con esta terapia, realmente gratificante para os seus participantes e que foi xerme doutros moitos programas ideados polo equipo de AFAL Ferrolterra, como o Bingo Musical ou o programa “Notas que non se esquecen” (terapia de reprodución de listas musicais personalizadas a través de cascos).
- Método Montessori. Constitúe un método dirixido fundamentalmente a persoas que se atopan nunha fase moderada-severa dunha demencia. Consiste na realización de actividades programadas baseadas nas actividades cotiás, utilizando técnicas de rehabilitación cognitiva como: división de tarefas, repetición guiada, progresión de simple a complexo, e progresión de concreto a abstracto.
- Psicomotricidade. Intervención terapéutica cuxo obxectivo é o desenvolvemento das posibilidades motrices, expresivas e creativas a partir do corpo, centrando a súa actividade e interese no movemento. A psicomotricidade está formada por un conxunto de actividades físicas controladas, realizadas de forma grupal ou individual, que inclúen unha serie de exercicios adaptados ás características psicofísicas dos usuarios. Tenta, a través do movemento, desenvolver e reforzar o recoñecemento e control do propio corpo, do espazo e o fomento da dimensión relacional da persoa.
- Terapia Asistida con Animais. Trátase dunha alternativa terapéutica que emprega o can como axente motivador para os maiores. Este tipo de terapia mellora o estado anímico, a autoestima e a confianza nun mesmo. Así mesmo, foméntase a comunicación gestual e oral, a socialización, a estimulación sensitiva e a reminiscencia. A nivel motor, conséguense beneficios na coordinación, os reflexos e a mobilidade articular. levan a cabo actividades de coidado do can, actividades de psicomotricidade e actividades de estimulación cognitiva.
- Natura: Estímulos Vivos. Nace da necesidade de explorar opcións de intervención que supoñan na súa esencia unha fonte de estímulos nova. Natura ten unha visión integral da intervención desde o Centro de Día e aproveita fundamentalmente estímulos que nos ofrece o medio natural combinándoos con sesións de reminiscencia e saídas terapéuticas. Realízanse talleres de plantación e mantemento de diversas plantas dependendo da época do ano. Coas sesións de reminiscencia preténdese evocar recordos agradables vinculados á natureza.
- Terapias en Sociedade. É un dos programas de referencia de AFAL. A través do mesmo, os maiores realizan actividades moi gratificantes para eles no exterior dos centros de día. Este tipo de patoloxías provocan que moitas veces a persoa que a padece senta perdida, illada do mundo, polo que a entidade busca crear un contexto de vida estimulante. Neste sentido, o achegamento aos recursos comunitarios constitúe un elemento crave para conseguir a integración social da persoa con demencia na sociedade.