Compromiso solidario contra o esquecemento
Dicía o médico Rojas Marcos que "o voluntariado é saudable, non só alonga a vida senón que inxecta vida aos anos". É unha boa razón para practicalo e, desde AFAL Ferrolterra, brindamos a posibilidade de facelo a todo aquel que o desexe. O noso plan de voluntariado, denominado "Compromiso solidario contra o esquecemento", contempla unha primeira fase de formación e unha segunda de participación, xa que para exercer a segunda é imprescindible ofrecer aos nosos voluntarios uns coñecementos especializados na enfermidade.
Adquiridos estes, AFAL propón tres programas principais: atención directa a persoas afectadas de alzhéimer e outras demencias, con intervencións nos nosos centros de día e servizo de transporte adaptado; captación de socios e obtención de recursos, con implicación nas campañas que desenvolvemos ao longo do ano, e divulgación e sensibilización, a través do cal achegamos a enfermidade e a nosa labor á sociedade.
Desde os nosos inicios, a labor dos voluntarios e voluntarias foi un punto fundamental na nosa acción. Dese movemento naceu precisamente AFAL Ferrolterra e é o noso obxectivo continuar nesa senda.
¿Queres comprometerte contra o esquecemento?
O Plan de Voluntariado de AFAL Ferrolterra inclúe varios programas:
Atención directa a persoas afectadas de alzhéimer e outras demencias:
O centro de día terapéutico é un servizo de atención diúrna especializado en alzhéimer e outras demencias dirixido á promoción da autonomía persoal á través do tratamento non farmacolóxico. Tamén ofrece apoio psicosocial ás familias. A intervención baséase nun amplo abano de actividades de estimulación cognitiva (psicomotricidade, ludoterapia, estimulación física xerontolóxica, terapia ocupacional, etc), así como terapias complementarias como as asistidas con animais (A.A.A), Terapias en sociedade (saídas ou excursións) e festas (Nadal, Entroido, Magosto, Maios, Aniversario,). En todas elas brindámosche a posibilidade de apoiarnos como voluntario.
Ademais, os centros de día terapéuticos tamén ofrecen servizo de transporte pola mañá, mediodía e tarde en función do horario/ tipo de xornada do usuario e necesidades familiares. O voluntario ofrece un acompañamento no servizo que permite reforzar o apoio que necesita a persoa afectada na mobilidade e transferencias. Ademais, bríndalle a posibilidade de coñecer o contexto familiar que rodea a enfermidade.
Captación de socios e obtención de recursos:
Este programa conta coa participación de todos os profesionais e voluntarios de AFAL, tendo moi en conta o Departamento de Administración e a Xunta Directiva da entidade. Realízase de forma práctica, constante e vital ao longo de todo o ano, facendo un esforzo maior durante o mes de setembro coincidindo coa conmemoración ao Día Mundial do Alzhéimer. Contempla diversas campañas co fin de achegar a enfermidade á poboación e dar a coñecer os servizos da entidade tentando do mesmo xeito obter recursos para garantir o mantemento dos mesmos.
Divulgación e sensibilización:
Este programa forma parte da esencia da asociación. Con el queremos achegarnos á sociedade e constitúe unha intervención desde a que se promove a concienciación e empatía coa enfermidade de alzhéimer e outras demencias. As nosas ferramentas son xornadas, mesas redondas, campañas teórico-prácticas de sensibilización, e programas como O Alzheimer na escola.