As respectivas corporacións aprobaron en pleno unha declaración institucional solicitando ao Goberno central que acelere a súa aprobación definitiva e posta en marcha. O presidente de Afal, Francisco Pantín, agradeceu a unanimidade e apoio.
Ferrol/Narón, 31 de xaneiro de 2020. Os plenos dos Concellos de Ferrol e de Narón amosaron no día de onte o seu apoio unánime á posta en marcha do Plan Nacional de Alzheimer e outras demencias 2019-2023. Sen debate e por consenso. Todos os grupos municipais tiveron unha soa voz e un so discurso: estar ao lado das persoas afectadas de alzheimer, das súas familias e das persoas coidadoras. En nome de Afal, o seu presidente, Francisco Pantín, tomou a palabra na sesión ordinaria celebrada en Ferrol e agradeceulles ao alcalde e ás concelleiras e concelleiros de todos os grupos municipais de Ferrol que convertisen a moción presentada por Afal nunha declaración institucional, constatando o seu respaldo sen fisuras. O mesmo agradecemento que fai extensivo á alcalde de Narón, Marián Ferreiro, e a todos os grupos municipais da cidade.
Na declaración, sinálase que a enfermidade de alzheimer –que se estima afecta na comarca de Ferrol a unhas 6.000 persoas- é un problema sociosanitario de primeira magnitude, que presenta un importante impacto sociosanitario, tanto pola súa frecuencia como por ser unha das causas máis habituais de discapacidade no adulto. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), máis de 35 millóns de persoas no mundo sofren algún tipo de demencia.